viernes, 2 de marzo de 2018

INSTANTES ESCONDIDOS..."NÉBOA"



«Poema das néboas miñotas»

Esta néboa que nace no corazón do río

e sube ao azul como unha oferenda:

¿será cecais corpo de canción,

palabra de amor irreprimíbel

que a auga lle di ao universo...?

¿Ou poderá ser o mesmo río

saíndo de si mesmo para darse

ao mundo que está no seu entorno

facéndose suspiro,

confundíndose

co azul transparente e rematando

sendo un leve tremor emocionado

perceptíbel somentes para aqueles

que só abren os ollos ás lembranzas?

Esta néboa miñota, auga e ensoño,

materia que formou ao mesmo río,

carne invisibel e fuxidia,

universo dos peixes e das oucas,

monótona e teimuda ladaiña

a penas salmodiada nas ribeiras:

espella árbores, nubes, espadanas.

As aves recollen esta música,

arpexo sutil do misterioso,

lúcida canción, máxico chío

que volve á néboa orixinaria

coa súa voz mensaxeira para sempre.

¿Quen tan ousado para poder ollar

a inexplicábel néboa cara a cara

e sentir o seu corpo fuxidio

envolvéndonos totalmente como un manto

que nos defende e nos preseva

da vileza gris do cotidiano...?

Manuel María


Anaquiños do libro

"O MIÑO canle de luz e de néboa"

No hay comentarios:

Publicar un comentario